Galicia sumouse ao proxecto GEM no ano 2005. O equipo galego constituíuse como mostra da colaboración entre o mundo académico, a administración pública e o sector empresarial, xa que o proxecto nace froito dun convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC), responsable da elaboración do estudo, a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que lideraba o equipo.
Esta relación mantense ata 2015, momento en que a dirección do equipo pasa á USC, ao desvincularse a CEG do proxecto. O eixo empresarial pasa á Federación de Novos Empresarios de Galicia, e o equipo investigador ábrese a investigadores das universidades de Vigo e Coruña.
En 2022 a Xunta de Galicia, que mantén intacto o seu apoio ao proxecto GEM, deriva a responsabilidade da súa posta en marcha á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e dentro de devandito organismo, á Dirección Xeral de Emprendemento e Promoción do Emprego. Así mesmo, a CEG volve formar parte do proxecto. O equipo investigador complétase e ata 16 docentes e investigadores das 3 universidades galegas integran o Grupo GEM Galicia, que forma parte da Rede de Investigadores GEM.
Este observatorio de emprendemento converteuse en algo máis que un informe anual. Cada ano organiza cursos, seminarios, conferencias e debates sobre a actividade emprendedora na comunidade autónoma galega. Así mesmo, o equipo GEM está presente en numerosos eventos académicos, presenta estudos específicos, e leva a cabo publicacións especializadas e divulgativas co obxectivo de visibilizar o ecosistema emprendedor de Galicia.
É preciso destacar que outras entidades tamén apoian o proxecto GEM desde distintas posicións, en particular, a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, dado o interese por avaliar o peso da educación universitaria no nivel emprendedor de Galicia.