Fernando Guldrís Gal

Logo entrevistas

 

 

Entrevistas ao ecosistema emprendedor galego

Fernando Guldrís Iglesias

Director xeral do IGAPE, Xunta de Galicia

 

Fernando Guldrís

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) cumpre 28 anos dende a súa creación. Que destacaría do papel que desenvolve esta entidade para a actividade emprendedora en Galicia?

F.G. O fomento do emprendemento en Galicia xa estaba entre os fins fundacionais do Igape, pero desde a publicación da Lei de Emprendemento de Galicia en 2013 e o papel que lle atribúe ao Igape de entidade instrumental da Xunta en materia de emprendemento, a nosa actividade nese eido intensificouse. Actuamos en todas as etapas do emprendemento, directamente ou en colaboración con outros organismos da Xunta e axentes do ecosistema emprendedor, desde o fomento da cultura emprendedora no ámbito educativo ata o asesoramento e orientación aos emprendedores, os programas de aceleración de proxectos innovadores (business factories), as redes de mentores e de business angels, as liñas de axuda ao emprendemento, os Concellos Emprendedores, etc. Foi un traballo intenso o que se fixo nestes últimos anos, impulsando os alicerces necesarios para seguir construíndo un sólido sistema de apoio ao emprendemento.

 

Cales son os servizos máis demandados polos usuarios do IGAPE?

F.G. Temos un amplo abano de recursos a disposición das empresas xa constituídas e das iniciativas emprendedoras. É certo que unha parte importante da cidadanía nos identifica polos programas de axudas, pero tamén dispoñemos de servizos de apoio, asesoramento e información, como os servizos de Internacionalización, ReAcciona, e o Igape Responde, este último posto en marcha a raíz da pandemia da covid-19 e que xa se converteu nun servizo de continuidade altamente demandado.

 

Que papel está a desenvolver o IGAPE na transformación dixital das PEMEs galegas?

F.G. O Igape leva xa anos traballando na necesidade de dixitalización dos procesos para que as empresas non perdan competitividade e manteñan a súa posición nun mercado globalizado. Traballamos con elas principalmente con actividades de difusión, formación na aplicación de tecnoloxías ao ámbito empresarial e liñas de axudas específicas para dixitalización de procesos. A aparición da covid-19 acelerou a implantación da dixitalización porque se converteu en imprescindible para manter a actividade: a dixitalización non era xa só unha cuestión de competitividade para as empresas industriais senón que calquera empresa, de calquera tamaño e sector, viu que era necesaria para os seus negocios. Por iso puxemos en marcha o Cheque Dixital, para axudar ás empresas na súa transformación nese momento crítico, e continuamos coas liñas de actuación que xa tiñamos pero dotándoas de máis recursos para apoiar máis e mellores proxectos de dixitalización avanzada e innovación dixital nas pemes galegas.

 

Cal será a actividade que vai a desenvolver o IGAPE unha vez que se aprobe o reparto dos fondos Next Generation?

F.G. O Igape vén de crear a Unidade de Proxectos Tractores que ten como obxectivo fomentar que se presenten proxectos en Galicia que sexan de interese e viables, con impacto no territorio e cun especial efecto tractor na cada cadea de valor.  O seu labor principal será identificar e dispor dunha carteira de proxectos que poidan estar aliñados cos fondos europeos Next Generation, pero tamén analizar cales poden ter mellor encaixe noutras liñas de axudas como por exemplo no marco do Marco Financiero Plurianual da UE 2021-2027 a través dun acompañamento axeitado dos mesmos.

 

Cales son, dende o seu punto de vista, as cuestión que en materia de emprendemento van a cambiar despois dos efectos económicos do COVID-19?

F.G. Sen dúbida, a dixitalización, porque ademais pode favorecer o establecemento de modelos de negocio que se xestionen total ou parcialmente desde zonas rurais, o que favorecerá a posibilidade de facer innovación desde calquera punto da nosa xeografía, así como o asentamento de poboación.

 

En que situación se atopa, en relación ao emprendemento, Galicia respecto a outras comunidades autónomas?

F.G. De acordo cos datos do propio Informe GEM, Galicia sitúase nunha posición media. Sendo conscientes de que debemos seguir mellorando en aspectos como a taxa de actividade emprendedora (TAE), o estudo tamén ofrece datos positivos e esperanzadores, nos que Galicia destaca sobre a media do conxunto do Estado, como son a diminución significativa do abandono das iniciativas emprendedoras, a percepción de oportunidades para emprender, e a tendencia que se consolida do emprendemento feminino, destacando que as iniciativas das mulleres superaron ás dos homes en todas as etapas: emprendemento potencial, nacente, novo e consolidado.

 

O IGAPE leva apoiando ó proxecto GEM Galicia desde os seus inicios, fai xa máis de 15 anos. ¿Qué importancia lle concede á colaboración coa investigación universitaria no ámbito do emprendemento?

F.G. O interese en colaborar na realización do Informe GEM é absoluto porque os seus resultados son un valioso recurso para que os axentes públicos e privados que actuamos no ecosistema emprendedor galego poidamos deseñar novas políticas e accións que favorezan o nacemento de novas empresas e a consolidación das recentemente creadas. Con respecto á investigación universitaria en xeral, resulta imprescindible para que se xere coñecemento científico e técnico que dea lugar a innovacións aplicables no ámbito empresarial, que é onde eu vexo o papel da Administración galega, como facilitadora da transferencia da investigación ao tecido produtivo, axudando a tender pontes entre ambos os dous mundos e aplicar os resultados a novos produtos, procesos e servizos que redunden no beneficio das persoas e no crecemento e consolidación da economía galega.

Facebooktwitterlinkedininstagram