Mª Jesús Lorenzana Somoza

Logo entrevistas

Entrevistas ao ecosistema emprendedor galego

María Jesús Lorenzana Somoza

Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

Nos últimos meses, e a pesares da crise demográfica en Galicia que limita a capacidade produtiva da nosa economía, compróbase unha significativa mellora do emprego, pódese deber a un aumento do interese polo emprendemento?

MJL: Galicia atópase nun momento atípico no que temos postos de traballo sen cubrir, en sectores como o primario, servizos ou o da industria, á vez que hai máis de 130.000 persoas sen atopar un emprego. Por iso, estamos a traballar no ámbito das nosas competencias para ofrecer un mercado laboral forte e atractivo, un reto complexo que estamos a abordar desde diferentes prismas, nos que a aposta pola formación para o emprego e o impulso do emprendemento son decisivas. Neste marco estamos a desenvolver o programa Retorna Cualifica Emprego que forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 que en global conta con 450M€ de orzamento para o regreso á nosa terra de 30.000 persoas galegas do exterior. Con este programa de emprego  queremos  promover o regreso neste ano dunhas 400 galegas e galegos menores de 50 anos residentes no exterior con interese en incorporarse ao mercado laboral na comunidade. Estas medidas contribuirán, ademais,  a atenuar a situación demográfica de envellecemento e facilitar o dereito das persoas galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia.

Cales son as principais medidas que dende a Xunta de Galicia se aplican para o fomento do emprendemento?

MJL: O emprendemento é unha aposta clara nas políticas de emprego dos próximos anos. De feito a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade incorporou un novo órgano directivo hai nove meses, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, para concentrar todas as medidas de impulso da iniciativa emprendedora e favorecer o avance das ideas de negocio de galegas e galegos a través da proximidade e o asesoramento. Un dos proxectos principais deste departamento céntrase no despregamento da Rede de Polos de Emprendemento a Apoio ao Emprego que antes de que remate o ano contará con 12 centros para dar cobertura ao 100% dos concellos galegos e asesorar emprendedoras e emprendedores. Na actualidade son máis de cen as persoas asesoradas nos cinco polos en marcha: Ourense Sur (Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda), Costa da Morte (Coristanco), Monforte de Lemos (Lugo Sur) e Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol). Queremos iniciativas novas, pero tamén estamos a brindar formación e apoios ás que queren reinventarse ou expandirse. Estamos co emprendemento en todas as súas fases.

Como valoraría os resultados dos programas aprobados pola Xunta de Galicia en relación ao apoio ao emprendemento?

MJL: Os programas que vimos desenvolvendo nos últimos anos tanto para o fomento e apoio ao traballo autónomo, á xeración de emprego entre o colectivo e para a súa conciliación, así como os puramente destinados ao emprendemento, como o EMEGA de apoio ás iniciativas de mulleres, espertan enorme interese e son eficaces. A curta experiencia dos polos estanos a indicar que existe interese por emprender en Galicia e brindar as ferramentas e toda a información para facelo era necesario. Por iso, ano tras ano, incrementamos o orzamento coa expectativa de chegar a máis galegas e galegos. Como lle dicía, 2023 será un ano no que a Xunta de Galicia apoie como nunca antes o emprendemento.

As cifras de emprendemento non son as mesmas para todos os colectivos, especialmente para a mocidade e as mulleres; que actuacións específicas para estes colectivos se están a aplicar dende a Xunta de Galicia?

MJL: Hai máis de 26 anos que o Goberno galego ten en marcha o programa Emega de apoio ao emprendemento feminino. Seguiremos a consolidar este ano esta convocatoria anual  co foco posto na reactivación ou innovación das iniciativas existentes, no impulso de proxectos tecnolóxicos e das medidas de conciliación das promotoras.  As mulleres están a acadar cada vez máis postos no emprendemento, queremos que eses negocios crezan e xeren novos empregos. Nos últimos 13 anos, entre 2009 e 2022, o programa tivo un incremento do seu orzamento do 203%. En total foron máis de 18,4 millóns de euros os destinados a apoiar 1.480 proxectos de emprendemento feminino, crear 2.084 empregos novos de mulleres e consolidar outros 648. En canto á mocidade, un dos obxectivos da Consellería é o de inculcarlles unha verdadeira cultura do emprendemento desde idades temperás. Os polos en marcha veñen de iniciar ciclos e sesións informativas sobre os beneficios de emprender, para que coñezan todos os recursos ao seu alcance durante os anos de formación e poidan explorar a viabilidade de ideas de negocio que teñen en mente.

Recentemente a Xunta de Galicia aprobou 2 novas liñas de axudas para os/as autónomos/as: Xempre Autónomo e o Bono Autónomo, cal é o obxectivo destas dúas medidas?

MJL: Con Xempre Autónomo, o Goberno galego, ao igual que noutras edicións, apoiará as novas altas neste réxime. As axudas parten dunha contía base de 2.000 euros, que poden chegar a 4.000 euros de ser maiores de se tratar de persoas desempregadas menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade e, como novidade este ano, maiores de 55 anos. Estes importes poderán incrementarse inda nun 25% se os beneficiarios son, entre outras casuísticas, mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou estranxeiros, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou a actividade empresarial é unha profesión no que as mulleres están subrepresentadas. Con esta iniciativa, a Xunta prevé beneficiar a unhas 3.500 persoas traballadoras por conta propia que se atopen sen emprego e desexen desenvolver a súa actividade profesional en Galicia como autónomas, axudándoas a facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da actividade laboral.

Con respecto ao Bono Autónomo, o programa ten como obxectivo apoiar a consolidación das autónomas e autónomos que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial con axudas de ata 3.000 euros dirixidas á realización de investimentos para a mellora da competitividade. O Bono Autónomo foi unha medida pioneira posta en marcha en Galicia no ano 2017 coa que se beneficiaron ata o de agora máis de 10.300 traballadores deste colectivo cun orzamento en seis anos próximo aos 23 millóns de euros. En 2023 estímase que se poidan conceder apoios a 3.500 persoas.

Que outros servizos aparte das axudas económicas, que sempre hai que considerar, oferta a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do emprendemento?

MJL: A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mobilizará este 2023 máis de 65M€ para apoiar a traballadoras e traballadores por conta propia e outros 18M€ á área de emprendemento.

Ampliaremos a rede de Polos iniciada en 2022 e avogaremos polo seu mantemento, dixitalización e titorización. Destinaremos case 8 millóns de euros para axudas ao impulso efectivo da xeración de emprego de calidade en iniciativas emprendedoras vinculadas ao territorio, previamente identificadas nestes centros. Pero ademais, para fomentar o emprendemento tamén dispomos de 4 millóns de euros para apoiar e impulsar iniciativas de emprendemento de proxectos empresariais en etapas iniciais, outros 4 para os que desexen expandirse e outro millón para nutrir convenios con entidades colaboradoras e universidades, á fin de apoiar o emprendemento a nivel empresarial e de afondar no coñecemento da situación do emprendemento na nosa Comunidade para poder, así, desenvolver medidas máis eficaces e adaptadas á súa realidade.

Non só falamos de outorgar axudas económicas ás persoas emprendedoras, o obxectivo vai moito máis alá con medidas coas que queremos apostar polo acompañamento en todas as etapas da iniciativa, no asesoramento técnico e a orientación empresarial, o fomento das contratacións; en definitiva, por proxectos que xeren riqueza e contribúan a desenvolver as contornas.

O emprendemento pode ser unha importante ferramenta para o desenvolvemento rural en Galicia. Que actuacións e resultados se poden sinalar nos últimos anos?

MJL: O emprendemento é, como di, un elemento fundamental para dinamizar o rural e avanzar no seu desenvolvemento económico pero tamén demográfico. O emprendemento que impulsamos desde a Xunta ten moito que ver con este obxectivo: facer que as persoas poidan ver executadas as súas ideas de negocio, que dean resposta a necesidades detectadas na súa contorna e poidan desenvolver o seu proxecto empresarial, pero tamén vital, nestes lugares.

Como valora a contribución que poden ao facer desde as universidades os docentes e investigadores que, como o Grupo GEM Galicia, dedican gran parte da súa labor a o análise da evolución da actividade emprendedora na nosa comunidade?

MJL: Sempre me escoitarán dicir que a colaboración co ámbito académico, tamén entre o eido público-privado, son fundamentais para levar a bo termo as nosas políticas de emprego, teñan o foco no emprendemento ou noutras materias. A elaboración de análises fondas, así como a divulgación de todos estes coñecementos entre a poboación potencialmente emprendedora resulta fundamental para contribuír á creación dunha cultura empresarial que enganche á poboación. Agradecemos enormemente o traballo do Grupo GEM, con indicadores que sempre tomamos como referencia e que nos permiten coñecer o verdadeiro alcance das medidas de apoio ao emprego e ao emprendemento que poñemos en marcha para beneficio da nosa comunidade.

Facebooktwitterlinkedininstagram