Inmaculada Rodríguez Cuervo

Logo entrevistas

Entrevistas ao ecosistema emprendedor galego

Inmaculada Rodríguez Cuervo

Directora de Unirisco

Como valora o traballo desempeñado por UNIRISCO durante o últimos vinte anos como parte do ecosistema emprendedor galego?

I.R. Unirisco leva todos estos anos cumprindo coa sua misión inicial que é o fomento da transferencia de coñecemento xerado nas Universidades cara ás empresas e á Sociedade, a través do financiamento e acompañamento das spin off. Cremos que fomos útiles e podemos achegar moito valor ós proxectos, xa que na fase na que nós entramos nas empresas de nova creación, é difícil que entren outras empresas financeiras e, moito menos, que se aporte a experiencia en xestión para poder viabilizar eses novos proxectos.

A entidade que dirixe atópase vinculada ás universidades galegas. Que valoración ten do emprendemento universitario e do papel que as universidades teñen no fomento e apoio á creación de empresas?

I.R. As Universidades Galegas, A Coruña, Santiago e Vigo, son socias “fundadoras” de Unirisco. Cónstanos o esforzo que están a facer por impulsar a creación de empresas que den continuidade ao labor en I+D que realizan dende a propia Universidade, pero é necesario que os propios investigadores vexan atractiva a opción de emprender, que comprendan que existen doctorandos e equipos que poden darlle continuidade ós resultados da investigación fora da Universidade e que existe un mercado en procura de solución novas, disruptivas e que doten de valor ó mundo empresarial. É necesario intensificar esa relación entre Academia e Empresa, e dende Unirisco tratamos de impulsalo así como brindar o apoio para que resulte máis doado emprender.

Como se traduce a transformación do coñecemento desde as universidades galegas na creación de proxectos?

I.R. As nosas Universidades producen resultados moi destacados en Saúde, Biotecnoloxía, IA, TIC, Naval, Telecomunicacións, e é certo que cada vez, conectan máis con empresas a través da prestación de servizos e colaboración. Observamos unha maior sensibilidade por investigar en certas áreas e desenvolver proxectos que resolvan unha “necesidade real” no mercado

Como valora as iniciativas xurdidas desde as universidades?

I.R. Sen dúbida, non deixo de admirar a capacidade intelectual, a solvencia dos investigadores e o grado de sacrificio que hai detrás de moitas das iniciativas que dende Unirisco coñecemos e valoramos como posibles oportunidades de investimento. Realmente, os cidadáns non sabemos canto e de que calidade é a investigación e o desenvolvemento creado aquí, preto de nós, contando con referentes mundiales como Mª José Alonso, Ángel Carracedo, Mabel Loza, Carmen García e outros moitos investigadores.

A sociedade galega é consciente do potencial que teñen as universidades na creación de empresas e iniciativas?

I.R. En xeral, creo que a Sociedade non é consciente deste potencial. Afortunadamente, cada vez máis empresas si o saben pero falta poder chegar ás PEMES. Creo que entre todos debemos darlle máis visibilidade a esta realidade que está en tendencia, a creación de empresas procedentes da Universidade. Debemos difundilo todos os que estamos neste ecosistema xa que ademáis pode servir de inspiración vocacional a moitos mozos.

Como melloraría a relación entre o tecido produtivo galego e as universidades?

I.R Sen dúbida, o desenvolvemento de programas de Innovación Aberta, os lanzamentos de retos por sectores, de forma decidida e con alta difusión, sería moi conveniente e, por suposto, mellorando os incentivos fiscais para proxectos desenvolvidos conxuntamente, para os investimentos en proba concepto e fases dende o desenvolvemento ata a comercialización de proxectos disruptivos.

O proxecto GEM leva máis de 15 anos estudando o fenómenos emprendedor. Qué importancia lle concede á investigación como recurso que facilite a toma de decisións políticas por parte dos responsables públicos?

I.R Hai un dito que reza “dame datos e non relatos” e, precisamente, a forza do dato, da información veraz e obxectiva, facilita a toma de decisión, o diagnóstico atinado sobre a realidade é o mellor punto de partida para a mellora. Por iso celebro que se realicen estos estudos e que de verdade, todos apoiemos a vocación empresarial que constitúe un labor social, polos postos de traballo que se crean, a riqueza que xera e a transcendencia do coñecemento, por exemplo o xerado nas Universidades, cara á mellora da vida dos cidadáns.

Facebooktwitterlinkedininstagram