A percepción de oportunidades e as vías de financiamento continúan a ser os factores clave á hora de dar comezo a novas iniciativas de negocio.
No ano 2017, o 5% da poboación adulta en Galicia estivo implicada en actividades de emprendemento, unha porcentaxe similar á producida en países como Alemaña ou o Reino Unido.
O aproveitamento dunha oportunidade de negocio constitúese como a principal motivación para emprender (no 60% dos casos), aínda que lonxe do 80% que alcanzaba antes da crise económica. Con todo, unha porcentaxe importante, o 40%, das persoas que teñen a intención de emprender nos próximos anos percibe oportunidades de negocio, sendo esta porcentaxe moito menor entre a poboación que xa está involucrada no proceso emprendedor e a non involucrada en dito proceso (o 28% e o 24%, respectivamente). Cómpre destacar que a poboación con vontade de emprender percibe que ten maiores coñecementos e habilidades necesarias para emprender que aquelas persoas con empresas consolidadas, así como un maior contacto con outros emprendedores.
O financiamento é o principal problema para a posta en marcha de novos proxectos (sinalado polo 37% dos expertos consultados), se ben este obstáculo foi perdendo importancia dende o 50% que presentaba nos anos pos-crise. Neste senso, un importante número de emprendedores potenciais dispoñen de menos de 20.000 euros de ingresos anuais, sendo neste tramo onde se producen case a metade dos abandonos (un 46% do total). O Informe conclúe, neste sentido, que dispor de maior renda anual nas fases iniciais axudaría a dar solución á elevada taxa de peche das iniciativas.
O informe completo pode consultarse na seguinte ligazón