INFORME GEM 2018: o 57,66% da actividade emprendedora en Galicia está liderada por mulleres

A actividade emprendedora feminina continua a súa tendencia á alza, acadando o segundo maior valor para toda a serie 2005-2018 e superando á media española, de acordo aos datos analizados no Informe GEM Galicia 2018, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.

De esquerda a dereita: Isabel Neira (directora técnica de GEM Galicia), Beatriz Garcia (Fegaxe), Loreto Fernández (directora do equipo GEM Galicia), Juan Cividanes (IGAPE) e Xoan Ramón Doldán (decano Facultade de Ciencias Económicas da USC) – Foto: USC

O emprendemento potencial analizado recolle aquela parte da poboación adulta -18-64 anos- que expresa a súa intención de emprender nos próximos 3 anos. Neste ámbito, as cifras son moi optimistas no 2018, posto que o 7,6% da poboación galega espera emprender nun futuro inmediato (no 2017 foi o 5,9%), superando á media española que é do 6,8%. Isto constitúe, ademais, un indicador positivo de cara á evolución do TEA no futuro.

Por outro lado, a fase máis temperá da actividade, unha vez que se toma a decisión de emprender, corresponde ao emprendemento nacente. Este representa as iniciativas empresariais que se atopan en fase de lanzamento, con menos de 3 meses de actividade. Estas iniciativas medran no ano 2018 de modo importante, pasando a representar un 2,42% da poboación galega. Pola súa banda, o emprendemento novo recolle as iniciativas de máis de 3 e menos de 42 meses de actividade, e aínda que no 2018 diminúen lixeiramente (3,18%), a suma de ambas fases, isto é, a actividade emprendedora incipiente (TEA), sitúase nun 5,60%. Trátase da maior taxa desde 2009, que vén converxendo cara á media española que neste ano se situou no 6,39%.

Este incremento da actividade emprendedora en Galicia derívase do aumento asociado á actividade emprendedora feminina, que pasa dun 4,52% no 2017 a un 6,43% no 2018. A actividade emprendedora das mulleres continúa así a súa tendencia á alza desde 2016, acadando o segundo maior valor para toda a serie 2005-2018, e superando á masculina galega (4,76%) e a media feminina española (6,01%).

Outro dato significativo é o incremento do TEA entre as persoas que posúen estudos universitarios, que representaba un 7,99% no 2017 e no 2018 pasou a ser do 14,58%. Se a iso lle engadimos unha menor porcentaxe de abandono das mulleres que emprenden -que se foi reducindo dun 42,96% no 2017 a un 40,48% no 2018-, pódese afirmar que as mulleres emprendedoras en Galicia convertéronse nun colectivo estable con vocación de futuro.

En canto á orixe do emprendemento pode distinguirse, en xeral, se é por ter detectado unha oportunidade de negocio ou por necesidade. En Galicia o 64,86% é emprendemento por oportunidade, e unha de cada tres persoas que emprenden ten estudos universitarios (32,97%).

Con todo, a decisión de emprender depende de varios factores. Un deles é a detección de oportunidades. En xeral, o 22,8% da poboación percibe oportunidades no mercado, pero este valor aumenta ata o 34,2% se nos fixamos no grupo das persoas que finalmente emprenderon. Ademais, entre estas, a percepción é máis alta no caso dos que posúen estudos universitarios (39,6%) que no dos que non teñen esta formación (31,4%).

A poboación emprendedora, en xeral, amosa unha menor aversión ao risco que a non emprendedora, e cómpre sinalar o cambio de tendencia desde 2010 na análise por xénero, xa que no 2018 é maior a aversión ao risco entre os homes (42,5%) que entre as mulleres (30,5%) que emprenderon.

No proxecto GEM tamén se analiza o emprendemento consolidado e o abandono de iniciativas emprendedoras. Aqueles que pecharon o seu proxecto manifestan unha maior aversión ao risco, unha menor percepción de oportunidades e menos habilidades para emprender. Ao realizar a análise dos emprendedores consolidados, a situación é similar.

En relación ao grao de innovación, obsérvase no 2018 un incremento nas iniciativas emprendedoras innovadoras con respecto a 2017, sobre todo nas iniciativas incipientes, cun incremento importante xa que pasa do 23,15% no 2017 ao 37,84% no 2018. É nesta fase onde as iniciativas amosan un maior grao de innovación, con máis do dobre con respecto ás consolidadas.

No relativo á previsión sobre a creación de emprego nos próximos 5 anos, os resultados son diferentes en canto á fase do proceso. No caso das iniciativas incipientes, por segundo ano consecutivo, aumenta significativamente esta previsión (pasando dun 41,46% no 2017 a un 46,85% no 2018). Pola súa banda, no caso das iniciativas consolidadas, do mesmo xeito que en edicións anteriores, obsérvase un estancamento das previsións de incremento de persoal (pasando dun 16,00% no 2017 a un 16,84% no 2018).

GEM: información de alta calidade sobre a iniciativa emprendedora 

O Informe GEM analiza o proceso emprendedor desde a perspectiva da poboación en xeral, considerando as distintas fases do proceso, desde a intención previa de poñer en marcha unha iniciativa empresarial (emprendemento potencial), o lanzamento e os primeiros anos da actividade (emprendemento incipiente ou índice TEA, total early-stage entrepreneurial activity), a consolidación da empresa, e incluso o abandono da mesma.

O proxecto GEM mide tamén o estado do contorno no que se desenvolve o emprendemento. Para iso, cada ano, un panel de persoas expertas de diversos ámbitos do ecosis-tema emprendedor, ofrece as súas opinións e valoracións sobre distintos aspectos que caracterizan o estado do con-torno emprendedor. En xeral, as valoracións experimentan unha melloría no 2018, destacándose os aspectos relacio-nados co acceso a infraestruturas físicas e de servizos. Entre os obstáculo para emprender, o apoio financeiro continúa a ser o máis citado (sinalado polo 83,78% dos enquisados), pero cómpre sinalar tamén as políticas do goberno (81,08%). Sobre qué aspectos consideran que poden estimular a actividade emprendedora en Galicia, existe un alto consenso sobre que o máis determinante é a mellora das características da forza laboral.

 

CONSULTA AQUÍ O INFORME GEM GALICIA 2018

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Deja un comentario