Do 1 de maio ao 26 de xuño as persoas que o desexen poden presentar os seus traballos para o Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Empredemento GEM-CEE. Un evento impulsado por GEM Galicia, e polo equipo portugués de CEE 2020, que nace da sinerxía entre dúas propostas de investigación:
- Investigación en emprendemento: A Red GEM España celebra a súa décimo cuarta edición do workshop de investigación baseado en GEM, ao tempo que a Sección de Función Empresarial e Creación de Empresas de ACEDE o seu noveno workshop. Dado que ambas entidades celebraron de maneira conxunta as catro últimas edicións desta xornada de traballo, Santiago acolle o V Workshop Internacional de Investigación en Emprendimiento GEM- ACEDE.
- Educación en emprendemento: Celébrase ao mesmo tempo a VI Conferencia sobre Educación para Emprender CEE’2020. Unha iniciativa que comeza no 2015 da man do Instituto Pedro Nunes de Coimbra para recoller experiencias e prácticas no ámbito da educación para o emprendemento. Tralas últimas edicións de Aveiro e Porto, celébrase por primeira vez en España, procurando a máxima interacción entre as participantes para favorecer a xeración cruzada de ideas e experiencias entre docentes e investigadores dos dous países.
A través da plataforma habilitada para o Call for Papers do Encontro (á que se pode acceder desde aquí) quen o desexe pode presentar a súa proposta seguindo as instrucións, en canto a estrutura e presentación dos resumos, que constan detalladas na web.
O Encontro Ibérico celebrarase na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela do 24 ao 26 de setembro, nun contexto marcado pola incerteza xeral e no que a iniciativa emprendedora adquire, de novo, especial importancia.
O gran reto, en todos os ámbitos da economía, é ser quen de concretar pautas de actuación e, neste sentido, os avances en estudos relativos á iniciativa emprendedora, tanto no eido da investigación como no docente, son especialmente importantes.
O encontro internacional que se celebrará na USC estará centrado no proceso emprendedor e contará coa participación de investigadores e docentes de España e Portugal: unha ocasión única para que a nosa comunidade científica poida presentar e debater de maneira conxunta medidas, accións e propostas para axudar ao ecosistema emprendedor.
Lembra…
- Se desexas presentar unha proposta podes facelo do 1 de maio ao 26 de xuño desde https://encuentrogemcee2020.org/call-for-papers
- As persoas que candidaten propostas recibirán resposta da organización antes de 3 de xullo
- Podes consultar toda a información xeral do Encontro en https://encuentrogemcee2020.org/
- E seguir as novidades das próximas semanas a través de Facebook y Twitter
Para resolver calquera dúbida relacionada tanto co proceso de Call for Papers como co Encontro en xeral podes dirixirte á organización a través de [email protected]