Santiago acolle a presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2021-2022

O vindeiro luns 7 de novembro o equipo GEM Galicia presentará o Informe Executivo GEM Galicia 2021-2022 nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Universidade de Santiago de Compostela.

Ler máis

Informe GEM Galicia 2019-20: pasado recente e futuro inmediato do emprendemento galego

O grupo de investigación GEM Galicia presentou dentro do Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento o Informe GEM Galicia 2019-20.

Un documento de gran valor, xa que retrata a situación do emprendemento galego antes da irrupción da covid-19 ao tempo que permite trazar -en base a datos históricos e á análise doutros recentes- as liñas do futuro inmediato.

Sen dúbida, o gran titular do 2019 son as mulleres e o rural, protagonistas indiscutibles da actividade emprendedora en Galicia. Elas, cun claro pulo no que respecta á posta en marcha de proxectos empresariais cun certo percorrido, e a contorna fóra das cidades como espazo de oportunidades.

No que respecta ao 2020, o que parece claro é que a crise da covid-19 impactará de distinta maneira en todas as fases do proceso emprendedor. Como dato, en abril tan só o 4% dos futuros emprendedores abandonaran os seus plans de emprender mentres que un 35%  paralizáraos. Fronte a eles, un 45%  sinalaba que mudaría o modelo de negocio previsto para continuar coa súa intención emprendedora.

Desta análise fixéronse eco varios medios. Aquí tes a referencia do Xornal da USC e estoutra no Correo Gallego.

 

ACCEDE AQUÍ AO DOCUMENTO ÍNTEGRO DO “INFORME GEM GALICIA 2019-20” 

Informe GEM España 2019-20: o emprendemento antes da Covid-19

A través da plataforma Zoom e en directo por Facebook: así presentouse nesta ocasión o Informe GEM. Un traballo desenvolvido por máis de 180 investigadores de toda España con datos obtidos a partir de 23.100 enquisas e entrevistas a expertos que permite ver e analizar o estado do emprendemento no exercicio 2019-20. Antes, por tanto, da irrupción da Covid-19.

Nesta etapa “pre-pandemia” seis de cada cen personas crearan unha empresa, avanzando ademais na erradicación da fenda de xénero no emprendemento: neste período contabilizouse unha emprendedora por cada emprendedor, achegándose, por tanto, a unha situación de paridade.

Queres saber máis sobre a situación do emprendemento en España?

 

DESCARGA AQUÍ O INFORME GEM 2019-20

Novo Informe GEM: a situación do emprendemento en Galicia diante da crise da Covid-19

A rede GEM España vén de publicar Situación del emprendimiento en España ante la crisis del COVID-19, un novo informe (ao que podes acceder dende aquí) elaborado coas achegas de emprendedores e emprendedoras que colaboraron neste traballo, trasladando a súa experiencia durante o estado de alarma

O informe ofrece unha panorámica xeral que completamos dende GEM Galicia cun informe centrado nos datos aportados pola comunidade emprendedora galega. Coa súa colaboración, sabemos que o 10% das persoas que participaron neste estudo mantiveron a súa actividade de maneira presencial, mentres que un 51% orientou a súa actividade cara o teletraballo fronte ao 39% que tivo que pechar de maneira temporal.

O informe ofrece tamén datos desglosados sobre as medidas adoptadas polos emprendedores galegos ante o impacto da situación, expectativas de futuro e posibles solucións para afrontar os vindeiros meses.

 

TES ACCESO AQUÍ AO INFORME COMPLETO “A SITUACIÓN DO EMPREDEMENTO EN GALICIA ANTE A CRISE DA COVID-19”

Aberto o prazo de presentación de propostas para o Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Empredemento GEM-CEE

Do 1 de maio ao 26 de xuño as persoas que o desexen poden presentar os seus traballos para o Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Empredemento GEM-CEE. Un evento impulsado por GEM Galicia, e polo equipo portugués de CEE 2020, que nace da sinerxía entre dúas propostas de investigación:

 

  • Investigación en emprendemento: A Red GEM España celebra a súa décimo cuarta edición do workshop de investigación baseado en GEM, ao tempo que a Sección de Función Empresarial e Creación de Empresas de ACEDE o seu noveno workshop. Dado que ambas entidades celebraron de maneira conxunta as catro últimas edicións desta xornada de traballo, Santiago acolle o V Workshop Internacional de Investigación en Emprendimiento GEM- ACEDE.

 

  • Educación en emprendemento: Celébrase ao mesmo tempo a VI Conferencia sobre Educación para Emprender CEE’2020. Unha iniciativa que comeza no 2015 da man do Instituto Pedro Nunes de Coimbra para recoller experiencias e prácticas no ámbito da educación para o emprendemento. Tralas últimas edicións de Aveiro e Porto, celébrase por primeira vez en España, procurando a máxima interacción entre as participantes para favorecer a xeración cruzada de ideas e experiencias entre docentes e investigadores dos dous países.

 

A través da plataforma habilitada para o Call for Papers do Encontro (á que se pode acceder desde aquí) quen o desexe pode presentar a súa proposta seguindo as instrucións, en canto a estrutura e presentación dos resumos, que constan detalladas na web.

O Encontro Ibérico celebrarase na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela do 24 ao 26 de setembro, nun contexto marcado pola incerteza xeral e no que a iniciativa emprendedora adquire, de novo, especial importancia.

O gran reto, en todos os ámbitos da economía, é ser quen de concretar pautas de actuación e, neste sentido, os avances en estudos relativos á iniciativa emprendedora, tanto no eido da investigación como no docente, son especialmente importantes.

O encontro internacional que se celebrará na USC estará centrado no proceso emprendedor e contará coa participación de investigadores e docentes de España e Portugal: unha ocasión única para que a nosa comunidade científica poida presentar e debater de maneira conxunta medidas, accións e propostas para axudar ao ecosistema emprendedor.

 

Lembra…

 

Para resolver calquera dúbida relacionada tanto co proceso de Call for Papers como co Encontro en xeral podes dirixirte á organización a través de [email protected]

 

ACCEDE AQUÍ Á WEB DO ENCONTRO